Concello de Portomarín

Saúdo do Alcalde


No nome do Concello que teño a honra de presidir, quero darvos a benvida a esta páxina web que nos permitirá dar a coñecer ao mundo o mellor de Portomarín.

Queremos facer dela unha fiestra aberta que permita compartir o traballo e ilusión dun equipo de persoas que nos esforzamos para mellorar a calidade de vida no noso municipio, que informe de todo o que acontece no seu interior e que facilite todas as xestións vencelladas á vida municipal.

A comunicación directa e permanente cos veciños e veciñas será un dos nosos piares básicos, e por iso este espazo virtual servirá para informar, apostando pola transparencia e non pola propaganda, pero tamén queremos que sexa unha ferramenta dinámica, onde a comunicación viaxe nos dous sentidos , incentivando a opinión e participación da cidadanía no seu entorno máis próximo.

Asemade, a web municipal será unha canle de interrelación coa Administración para a xestión de trámites burocráticos ou consulta de expedientes, poñendo ao alcance de todas as persoas unha ampla oferta de información, cómoda e rápida.

Pero tamén queremos que sexa unha canle pola que podamos amosar a nosa singular forma de vivir, a personalidade que o Miño lle imprime á nosa ribeira, a nosa singularidade arqueolóxica e histórica, o noso rico patrimonio cultural e paixasístico, as nosas festas e tradicións, e a impresionante pegada que día a día nos deixan os milleiros de peregrinos que camiñan soñando respostas e arrimando ilusión e esperanza. Anímovos a descubrir, cunha mirada fresca, este concello noso.

O uso que todas e todos vós poidades facer deste portal municipal será quen o encha de vida. Tan só coa cosa participación acadará o obxectivo polo que foi creado, porque un concello, cos seus recursos físicos e materias, sen a cidadanía, non deixa de ser un espazo baleiro de contido.

Pasade pois, esta é a vosa casa.